EUCOOKIELAW_BANNER_TITLE

Lugo será sede de etapa da Volta Ciclista a España 2016

POR XORNAL DE LUGO • 30 OUTUBRO, 2015
Lugo será sede de etapa da Volta Ciclista a España 2016, unha cita deportiva que terá un retorno económico para a cidade de 1 millón de euros, segundo os propios organizadores. A Alcaldesa, Lara Méndez, destacou a oportunidade que supón para a cidade ser punto de chegada dunha etapa da 71ª edición desta competición de primeiro nivel deportivo, cuxo recorrido será presentado oficialmente no mes de xaneiro.

Para a rexedora, ser meta dun evento deportivo deste calibre supón “un gran impacto promocional da cidade, con importantes beneficios económicos e de difusión”, pois a meta é o momento de máxima audiencia en televisión.

“Acoller este acontecemento segue a liña de traballo municipal de impulsar o turismo cultural, gastronómico e accesible como motor económico da cidade”, asegurou Méndez, quen tamén enmarcou esta iniciativa na súa “aposta polo deporte, en todas as súas modalidades e para todas as idades”.

O Concello realizará un investimento de 90.000 euros para que Lugo sexa punto de chegada dunha etapa da Volta Ciclista 2016, un desembolso que suporá uns beneficios na cidade de ao redor dun millón de euros, segundo as estimacións dos propios organizadores, informou a Alcaldesa, quen destacou que acoller ao pelotón ciclista ten un custe mínimo fronte ao retorno económico, posto que “por cada euro invertido, a cidade recibirá 12”.

O millón de euros de beneficios procede da valoración no mercado que suporía a presencia e difusión da cidade nos medios de comunicación, o consumo en aloxamentos e hostalería dos equipos, organización, xornalistas e espectadores, e a activación da economía que leva consigo acoller a etapa, entre outras razóns polo consumo de combustible dos 460 vehículos que move a volta.

Repercusión en todo o mundo

A Volta Ciclista move a máis de 20.000 espectadores de media por etapa, concentrándose unhas 3.800 persoas na cidade de chegada, “unha oportunidade que non podemos deixar escapar para promover o noso patrimonio histórico cultural”, afirmou a rexedora, ao tempo que fixo fincapé na labor de promoción dos medios de comunicación, que mostrarán a cidade de Lugo a uns 190 países dos cinco continentes, practicamente en todas as partes do planeta.

“Calquera campaña de promoción de Lugo sería máis cara que recibir á Volta, posto que máis de 1.400 xornalistas transmiten esta carreira, 1.400 persoas que logo poderán exercer de embaixadores de Lugo” e que proceden de lugares como Alemaña, Arxentina, Australia, Bélxica, Brasil, Camerún, Canadá, Colombia ou Costa Rica, entre moitos outros”.

Ademais, a páxina web oficial da Volta ten, segundo os organizadores, 3,7 millóns de visitantes únicos, non só de toda España, senón tamén do resto do mundo, sobre todo de Colombia, Francia, Polonia e Italia. A proba conta con máis de 165.000 seguidores en Facebook e 175.000 en Twitter, cifras que aumentan mes a mes.

A gala de presentación do percorrido da Volta 2016, prevista para xaneiro, contará con máis de 800 invitados do ámbito político, empresarial, deportivo e medios de comunicación e será retransmitida en directo pola televisión. A cidade lucense terá unha presencia destacada neste evento, de cobertura informativa nacional.

Ao ser sede de etapa, Lugo terá presencia na Guía Turística da Volta, que se distribúe en máis de 30 canles a nivel internacional e a TVE para que serva de guía aos comentaristas durante a emisión en directo.

A %d blogueros les gusta esto: